Deportivo da Coruña Xuvenil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Escola Scopelli")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Deportivo da Coruña Xuvenil
Escudo Real Club Deportivo da Coruña.jpg
NomeReal Club Deportivo da Coruña Xuvenil
Fundación1949
EstadioCidade Deportiva de Abegondo
Inauguración1 de maio de 2003
Capacidade3000
PropietarioDeportivo da Coruña
PresidenteGalicia Antonio Couceiro
AdestradorEspaña Manuel Pablo
LigaDivisión de Honra
2020/21
Páxina web

Deportivo da Coruña Xuvenil é a denominación que reciben os dous equipos xuvenís das categorías inferiores do Deportivo da Coruña. Fundado en 1949, foi chamado nos seus inicios Escola Scopelli por ser o seu promotor Alejandro Scopelli, adestrador naquel entón do Deportivo. Gañou dúas veces a Copa de Campións e catro veces a División de Honra, e polas súas filas pasaron importantes xogadores que logo formaron parte do primeiro equipo, como Luis Suárez, Vicente Celeiro, Fran, Bergantiños ou Juan Domínguez. Disputa os seus partidos como local no Cidade Deportiva de Abegondo.

Historia[editar | editar a fonte]

Escola Scopelli e primeiros anos[editar | editar a fonte]

A sección xuvenil do Deportivo da Coruña naceu en 1949, por iniciativa do adestrador do primeiro equipo, o arxentino Alejandro Scopelli, e sendo presidente do club Daniel Chaver Gómez.[1] Scopelli fixo un chamamento aos rapaces da cidade, ao que acudiron varias ducias, entre eles Luis Suárez ou o futuro presidente do goberno Adolfo Suárez, e de onde se seleccionou a primeira formación.[2][3]

O equipo foi chamado inicialmente "Escola Scopelli" e a súa primeira formación estivo composta por Ernesto, Boedo, Modesto, Salorio, Barbeito, Fefé del Río, Juan Núñez, Folla, Losada, Luis Suárez e Bouza, con Díaz como porteiro suplente. Na tempada 1950/51 creouse a Copa de España, a primeira competición oficial xuvenil de España, e no sorteo o Deportivo quedou exento na primeira rolda, polo que entrou na segunda, enfrontándose ao Valladolid Salvador, sección xuvenil do Real Valladolid. Na eliminatoria, disputada o 6 de maio de 1950 no Estadio de Riazor,[4] o resultado foi de empate a tres goles, polo que o partido repetiuse ao día seguinte, con vitoria para o Valladolid por 0-1.[1]

Durante as seguintes tres décadas non existiu ningunha liga a nivel nacional, polo que o Deportivo disputou o campionato local, logrando clasificarse en ocasións para a Copa de España.[1] Na tempada 1952/52 competiu na Serie A Rexional, co nome de Deportivo Afeccionados, acadando a segunda praza só por detrás do Astano Perlío.[5] Tras caer nos cuartos de final en 1952, contra o Plus Ultra, e en segunda rolda en 1954, o equipo non volveu clasificarse para a Copa ata 1964, cando foi eliminado novamente nos cuartos de final, polo Athletic de Bibao.[6] Tras dous anos de ausencia disputou todas as edicións entre 1967 e 1974, acadando os cuartos de final nas edicións de 1972 e 1974, con Alfonso Pintos e Luis Rodríguez Vaz no banco respectivamente. En 1969 enfrontouse aos xuvenís do Estrela Vermella de Belgrado, no que xogaban varios futuros xogadores da selección iugoslava, sendo a vitoria para o equipo vermello por 3-1.[7]

Creación da Liga Nacional[editar | editar a fonte]

Na tempada 1976/77 creouse a Liga Nacional, dividida en oito grupos, cuxos oito campións disputaban o Campionato de España. O Deportivo, encadrado no Grupo I, estreouse cunha cuarta praza no seu grupo, por detrás do CD Ensidesa, o Oviedo e o Celta de Vigo.[1] Na tempada 1978/78 o equipo coruñés descendeu ao campionato local e sufriu varios ascensos e descensos nos seguintes anos. Na tempada 1990/91 entrou na nova División de Honra, que funcionaba entón como segunda categoría por debaixo da Liga de Honra sub-19. Este formato durou cinco anos, nos que o Deportivo da Coruña xogou dúas fases de ascenso e unha de permanencia.

Primeiro título de campión de España[editar | editar a fonte]

En 1995 a División de Honra pasou a ser a máxima categoría do fútbol xuvenil en España. O Deportivo, encadrado no Grupo I e adestrado por José María Blanco, proclamouse campión por diante do Racing de Santander, ao que rebasou na clasificación na derradeira xornada. O título deulle dereito ao equipo a xogar a Copa de Campións contra os campións dos restantes cinco grupos. Divididos en dous grupos de tres equipos, o Deportivo ficou encadrado co Sevilla e o Athletic de Bilbao, nun torneo que de disputou en Puertollano. No primeiro partido enfrontouse ao Sevilla, co que acabou empatado 1-1, disputándose unha quenda de penaltis que gañou o equipo galego. Pola súa banda, o Sevilla goleou por 5-1 ao Athletic, o que obrigaba ao Deportivo a gañar ao equipo vasco como mínimo pola mesma diferenza de goles. A falta dun minuto o marcador sinalaba 4-1 para o Deportivo, momento no que o vallisolitano Coloma marcou o quinto gol que metía ao Deportivo da Coruña na final.[8]

Na final, disputada unha semana despois contra o Real Madrid, o Deportivo comezou perdendo, despois de que Barrero marcase de penalti para os madrileños no minuto 23. Ao pocuo de comezar a segunda parte, e tamén de penalti, chegou o empate do Deportivo, transformando o lanzamento Carlos. O partido chegou ao final do seu tempo regulamentario co empate no marcador, polo que se xogou unha prórroga. Esta só durou 11 minutos, pois o partido acabou co gol de ouro de Oliva, que acababa de entrar ao campo e meteu o balón na portería ao enganchar unha volea.[8] A aliñación titular daquel encontro estivo formada por Dani Mallo, Adolfo, Coloma, Pablo López, Nacho, Toni, Cedeira, Xaco, Carlos, Bugarín e Deus. Entraron como substitutos Roberto, Araguás, Oliva e Amarelle, e permaneceron no banco Moscoso, Arias, Víctor Pérez, Juan Naya e Luis Mosquera.[8] Naquela tempada o Deportivo volveu disputar a Copa do Rei, 22 anos despois da súa última participación, pero caeu eliminado na primeira rolda contra o Athletic Club.[1]

Dous novos títulos da División de Honra[editar | editar a fonte]

Durante a seguinte década disputou dúas veces máis a Copa do Rei, nas tempadas 2000/01 e 2005/06, sendo eliminado nas dúas ocasións polo Athletic. Na tempada 2006/07 xogou de novo a Copa, chegando esta vez a cuartos de final, onde foi eliminado polo Valencia.

Na tempada 2007/08 gañou o seu segundo título da División de Honra, baixo a batuta de José Luis Devesa, e participou por segunda vez na Copa de Campións, caendo eliminado no primeiro partido contra o Sevilla, tras empatar 2-2 e perder a quenda de penaltis. Xogaron aquel partido Darío, Hugo Rodríguez (Vieytes, min.97), Marcos Caridad, Agustín, Raúl, Juan Domínguez, Héctor (Luís Ángel, min. 65), Añón (Óscar, min. 107), Dani Bea (Benito, min. 58), Chirri e Hugo García.[1] Ao ano seguinte conseguiu o seu segundo subcampionato e caeu nos cuartos de final da Copa do Rei contra o Tenerife.

Na 2009/10 proclamouse campión da División de Honra por terceira vez, superando por 12 puntos ao segundo clasificado, o Racing de Santander. Accedeu así á Copa de Campións, na que o seu rival na primeira eliminatoria foi o Valencia, no que xogaban entre outros Paco Alcácer e Isco. No partido disputado no Estadio de Foietes de Benidorm, o Deportivo aliñou os seguintes xogadores: Edu, Martín (Insua, min. 46), Anxo, Uxío, José Manuel, Carlos, Vela, Adrián (Juan, min. 60), Iago Beceiro (Álex, min. 60), Juan Carlos e Richi (David, min. 76).[1] Na tempada seguinte, xa con Secho no banco, o Deportivo realizou a mellor actuación da súa historia na Copa do Rei, alcanzando por primeira vez as semifinais despois de derrotar ao Real Madrid nos cuartos de final. Finalmente foron eliminados polo FC Barcelona, no que xogaban entre outros Rafinha e Deulofeu. Nos seguintes dez anos o Deportivo proclamouse subcampión da División de Honra dúas veces e disputou en varias ocasións a Copa, sen conseguir pasar de cuartos de final.

Segunda Copa de Campións[editar | editar a fonte]

Na tempada 2020/21, sendo adestrador do equipo Óscar Gilsanz, chegou o cuarto título da División de Honra, despois de acabar a temporada na primeira posición, dous puntos por enriba do Celta de Vigo. A continuación, na Copa de Campións, enfrontouse primeiramente ao Las Palmas, logrando a vitoria por 2-1 no partido de ida en Abegondo, con goles de Nájera e Do Carmo.[9] No encontro de volta adiantouse o equipo canario con dous goles, pero un gol de Noel preto do final do partido forzou a prórroga, que acabou sen goles. Na quenda de penaltis destacou o gardameta deportivista Brais, que parou dous penaltis, contribuíndo de gran xeito á clasificación do seu equipo para a fase final do torneo en Marbella. Xa na cidade andaluza, o Deportivo eliminou ao Real Madrid pola mínima en semifinais, cun gol do defensa central Fito á saída dun córner.[10] Na final enfrontouse ao FC Barcelona, ao que derrotou por 3-1 cun gol de Mario Domínguez e dous de Noel, elixido mellor xogador do torneo.[11]

O título deulle dereito ao equipo a disputar a Liga Xuvenil da UEFA, accedendo pola ruta de campións nacionais e sendo o seu rival na primeira rolda o Pogoń Szczecin, campión de Polonia. O partido de ida en Szczecin acabou con derrota por 3-0, pero no encontro de volta en Riazor, diante de 8522 seareiros (a cifra máis alta da historia nun partido desa fase da competición), o equipo adestrado por Manuel Pablo, conseguiu darlle a volta á eliminatoria cun 4-0.[12][13]

Xuvenil B[editar | editar a fonte]

O Xuvenil B é o segundo equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, e xoga sempre nunha categoría inferior á do Xuvenil A. Proclamouse campión da Liga Nacional en oito ocasións, a última delas na tempada 2020/21.[14]

Instalacións[editar | editar a fonte]

O equipo xoga como local dende 2003 na Cidade Deportiva de Abegondo, onde tamén realiza os seus adestramentos. Anteriormente utilizou outros campos, como o campo de Maratón, o Campo de Elviña, a Cidade Deportiva da Torre, ou o campo de Meicende.[8] Ademais ten xogado en ocasións no Estadio de Riazor.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Xuvenil A[editar | editar a fonte]

Xuvenil B[editar | editar a fonte]

  • Liga Nacional (8): 1997/98, 2006/07, 2007/08, 2008/09, 2009/10, 2012/13, 2015/16, 2020/21.

Adestradores[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Historia dos xuvenís". Deportivo da Coruña. Consultado o 29 de setembro de 2021. 
  2. Romero, S. (22 de marzo de 2014). "Un presidente blanquiazul". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 29 de setembro de 2021. 
  3. "Pudo ser futbolista". El Pueblo Gallego (en castelán) (20123). 24 de agosto de 1977. p. 21. Consultado o 29 de setembro de 2021. 
  4. "Deportivo - Valladolid hoy en el Estadio". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de maio de 1950. p. 4. 
  5. "Seriea A Rexional 1952/53". Consultado o 1 de outubro de 2021. 
  6. "El Bilbao vención al Deportivo de La Coruña por 9 a 0". La Noche (en castelán) (13273). 15 de xuño de 1964. p. 6. Consultado o 1 de outubro de 2021. 
  7. "Bajevic, Paunovic y Krivokucha jugaron contra los juveniles del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de outubro de 1972. p. 23. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 "O título nacional xuvenil do Dépor cumpre 25 anos". Deportivo da Coruña. 12 de maio de 2021. Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  9. Ripoll, Cristina (13 de xuño de 2021). "Álex Gorrin mantiene viva la eliminatoria ante el Depor" (en castelán). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  10. Antelo, Iván (24 de xuño de 2021). "El Deportivo elimina al Madrid y jugará la final de la Copa de Campeones juvenil". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  11. Sánchez, Iván (27 de xuño de 2021). "Noel le da el título de Campeón Juvenil de España al Deportivo". Marca. Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  12. "UEFA Youth League domestic champions path latest". UEFA (en inglés). 20 de outubro de 2021. Consultado o 21 de outubro de 2021. 
  13. "Remontada nunha noite máxica en ABANCA-RIAZOR (4-0)". Deportivo da Coruña. 20 de outubro de 2021. Consultado o 21 de outubro de 2021. 
  14. "O xuvenil B empata co Celta (1-1) e proclámase campión de Liga". Deportivo da Coruña. 12 de xuño de 2021. Consultado o 1 de outubro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]